Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

NA VIDEOTECA DA AELG (2) / O autor fala da súa obra (1b)

Na segunda achega desta extensa conversa para os fondos audiovisuais da AELG, Francisco Carballo incide nas publicacións que tivo a ben imprentar ao comezo da súa dilatada traxectoria como ilustrado: "A obra primeira que publiquei realmente estaba na perspectiva do doutoramento en Historia (1954). Estaba preparando unha tese sobre unha derivación da Ribeira Sacra, que ía sobre os territorios abeirados ao Arnoia . Esa obra non a cheguei a facer, pero si un capítulo dela que é a historia do Santuario dos Milagres do Monte Medo. Publicouse no Faro de Vigo. Vendeuse no Santuario e esgotouse. Posteriormente fun profesor de colexios, director. En 1965 mandáronme ao Teologado de Salamanca. Alí escribín obras de Teoloxía. Publiquei dúas e algúns artigos. Unha sobre a Oración (pódese atopar nunha antoloxía sobre o Catolicismo) e outra sobre a Congregación dos Paúles. Era unha dedicación accidental, secundaria. Daquela eu exercía fundamentalmente de profesor. Traballei 43 anos na docencia. Creo que a miña vida é iso: profesor de Historia e profesor de Espiritualidade Teolóxica (...)". (foto: www.galicias.com)

"En 1973 voltei a Galiza, a Vigo, á misión obreira cunha serie de curas, xesuítas, paúles, seculares, etc. Alí entrei no mundo das inquedanzas deste País. Fun presidente da Asociación Cultural de Vigo. En 1977 fun dos fundadores de dúas publicacións: A Nosa Terra e Encrucillada. Manexan as dúas afeccións miñas: ANT a cultura galega / Encrucillada a cultura cristiá en Galiza. Son pois paralelos: o teolóxico e o histórico. Publiquei unha serie de obras coñecidas hoxe sobre a Historia de Galiza, sobre a Igrexa galega, sobre persoeiros como Castelao e Bóveda. Pero onde máis participei, até chegar a un volume alto de traballos, foi na revista ANT. Dende 1977 até 2010 (durante 33 anos), nalgúns periodos semanalmente, noutros mensualmente, estiven a publicar sobre todo o que a min me podería ser obxecto: nomeadamente  unha visión crítica da realidade actual de Galiza" (fonte: www.aelg.org).

N.B.- Como referencia audiovisual remitimos ao lector aos enlaces das achegas máis recentes. Beizón!

Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: