Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

NA VIDEOTECA DA AELG (2) / O autor fala da súa obra (1a)

Moi na liña do que Francisco Carballo aportou no libro de Conversas (Prol / Carballa, 2002); mesmo engadindo novas fasquías que fornecen a súa biografía, imos sintetizar a longa charla que gravou en 2013, para os fondos documentais da AELG.  Desta volta fíxoo -con 88 anos de idade- na residencia temporal que o presbítero ilustrado de Maceda escolleu nos últimos tempos (un centro relixioso vencellado coas Irmás da Caridade en Ourense cidade). A primeira parte titulárona "Entre a docencia, a historia e a espiritualidade". Eis a transcrición do primeiro "factor", no que mesmo recoñece que fixo de "negro literario". O enlace é o mesmo das anteriores achegas: 

Enlace



"A miña infancia rural no concello de Maceda foi moi enriquecedora naquela escola da Segunda República. Era moi diferente da que houbo no franquismo e incluso actualmente. Creou en nós un espírito de amor ao territorio, de lectura de escritores galegos. Na miña casa (en Celeirón de Asadur) mercáranse daquela as obras de Curros, Rosalía, etc. Ese xermolo foi un factor determinante de toda a miña vida. Logo estudei en centros dos Paúles: no Santuario dos Milagres, despois en Madrid (...). Cando era estudante de Teoloxía dirixín o primeiro grupo da miña vida. Tiñamos unha asociación a prol das misións estranxeiras. Coleccionabamos selos de correos. Aqueles misioneiros trouxéronme documentación para facer un libro. Foron as miñas primeiras páxinas publicadas. Titulábase "En la selva del Ganjam" (Odisha, India). Está publicado baixo o nome dun misioneiro, pero case todo é meu. É de 1947 ou por aí..." 



Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: