Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

31 DE DECEMBRO DE 1936, AOS 80 ANOS...

"¿Á túa casa chegaban noticias dos que paseaban en Maceda e dos nove que fusilaran o 31 de decembro de 1936, despois dun consello de guerra ignominioso? Si. Vixiábase a casa e nós estabamos en espectativa constante. Había medo de que houbese reaccións. Teño na memoria con todo detalle os acontecementos do 36. Deses nove martirizados, que hoxe teñen un monolito de lembranza na Praza de Benigno Álvarez en Maceda, escoitei falar na casa. Estabamos horrorizados, a avoa non paraba de chorar, aquilo impactou en nós dunha forma tremenda. Pero na aldea a guerra era unha cousa remota. A represión foi moito máis forte en vilas como Maceda e nas cidades. O bon senso de meu pai e estes fenómenos de crueldade, están no fondo da miña posterior relación co franquismo" (Conversas, ANT: 2002).

Na foto a lápida de lembranza (que sempre ten flores) dos nove martirizados de Maceda e contorna. Francisco Carballo sempre nos recordaba que a Historia non se repite, pero que pode reproducir erros semellantes, por iso é necesario reescribir a que fixeron os vencedores e vulgarizala. Exhumamos parte dun documento demoledor, logo do consello de guerra -sen garantías legais- e sentenza posterior, que mesmo se debería revisar 80 anos despois, para facer xustiza daquela inxustiza: "Ás 16:30 horas do 31 de decembro de 1936, hora sinalada pola autoridade militar, foron pasados polas armas os reos Andrés Gálvez López, Serafín Poza Prol, Antonio Souto Nieto, Juan Manuel Garrido Touriño, Demetrio Álvarez González, Manuel Senra Salgado, Fernando Garrido Fontela, Modesto Vidal Fernández e Ricardo Lemos González, facéndose a correspondente descarga polo pelotón encargado da execución e certificando a súa defunción o médico don César Saco" (Acta do secretario Manuel Casado Nieto co visto e prace do xuíz militar Ramón Ulloa Sotelo. 31/XII/36). Eis a Historia...

Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: