Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

PREMIO BOS E XENEROS DA AELG, 2012

 

A Asociación de Escritores en Lingua Galega [AELG] concedeulle o Premio Bos e Xenerosos a Francisco Carballo. A solemne entrega fíxose o 3 de marzo de 2012, no salón de actos do Museo do Pobo Galego. Asistiu unha ampla representación do eido político e cultural de Galiza. Outrosí moitos amigos de Maceda, encabezados polo alcalde Xabier Oviedo. Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, dixo que Francisco Carballo tivo a “vontade de liberarse dunha historia imposta e iso foi o que vertebrou o seu traballo nun tempo no que a Universidade non cubría as necesidades da historiografía nacional”. Carballo entregouse de vez “á constitución dunha elaboración en clave nosa da historia galega e á vindicación do cristianismo como espazo de loitas contra as inxustizas, e mesmo de subversión e crítica ao poder”. (Na foto: Xabier Oviedo, Santiago Prol, Bieito Seara, Mercedes Queixas, Cesáreo Sánchez Iglesias, Francisco Carballo, Paco Nóvoa, Vitorino Pérez Prieto e a súa dona, Antón Gómez e a súa dona, Celso Sánchez, Mercedes de Manuel e Chus Teijeiro, na comida posterior coa que agasallamos os amigos ao presbítero ilustrado de Maceda no restaurante Porta Faxeira de Compostela).

A loa fíxoa Anselmo López Carreira, que o coñece dende 1978, cando estaban a elaborar o manual Historia de Galicia (ANPG, 1979). Lembrou a “súa honestidade persoal, a fidelidade aos proxectos que emprendeu e o seu compromiso social”. Á fronte dunha camada de historiadores novos, Francisco Carballo impulsou e mesmo asinou publicacións transcendentais para a historiografía de Galicia, a través da editora do semanario A Nosa Terra (ANT), da que foi presidente. Ao recoller o premio, o teólogo e historiador macedán  afirmou con contundencia que “Galiza é obxecto dun experimento para destruír a súa identidade”, ao que engadiu: “Somos un País ao que se lle quere impoñer unha cultura, destruíndo a que el xera e que mesmo arela continuar”. Tamén fixo unha reflexión sobre Igrexa: “A cúpula eclesiástica é máis un problema que unha solución, fronte ao cristianismo de base que é un elemento positivo, unha forza viva e rexeneradora”.

Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: