Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

2º ANIVERSARIO CO INSERIDO NO XORNAL SERMOS GALIZA (VI)

No xornal dixital Sermos Galiza titulaban o 13 de decembro de 2014: "Francisco Carballo, na memoria: A nosa obriga é destapar os relatos falsos do poder".  Referíanse á entrevista que lle fixera Xan Carballa para o xornal El País o 29 de xuño de 2007. Denantes inserían un introito acompañado dunha das últimas fotografías do presbítero ilustrado de Maceda. Facían coincidir en Sermos a data co día no que as súas cinzas eran soterradas eiquí. Engadían que na entrevista de Xan se puñan de manifesto os trazos -historiador crítico, teólogo da liberación, activista incalsábel da causa nacional- que caracterizaran a longa e fecunda vida do autor de "Historia Xeral de Galicia".

 

Lembraban que "o sábado, 13 de decembro de 2014, as súas cinzas acharan acubillo no panteón familiar do cimeterio da súa parroquia natal en Asadur (Maceda). Será unha cerimonia íntima, relixiosa. Xa o día 27 está programado un acto cívico, unha homenaxe popular en Maceda, para render tributo a quen, durante ben máis de medio século, se constituíu nunha das figuras máis relevantes e referenciais do nacionalismo galego. Carballo foi tamén un entusiasta animador e impulsor de proxectos xornalísticos. Foino após a morte do ditador, cando se converteu en peza clave do lanzamento da nova etapa de A Nosa Terra, e foino décadas despois cando puxo toda a súa paixón ao servizo do grupo fundador de Sermos Galiza. Tamén foi unha das primeiras sinaturas na sección de opinión" (...). Eis o link coa entrevista de Xan Carballa na que repararemos polo miúdo noutras achegas da bitácora:

http://elpais.com/diario/2007/06/29/galicia/1183112327_850215.html

Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: