Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

2º ANIVERSARIO COA EVOCACIÓN DE MONCHO RAMOS (IV)


O 16 de decembro de 2014, o sociólogo Moncho Ramos imprentaba no xornal La Región unha sentida evocación sobre o presbítero ilustrado de Maceda. Os dous compartiran experiencia docente no colexio dos Paúles en Barakaldo -a comezos dos anos 60-, cando Carballo estaba á fronte do novo centro radicado no barrio de Beurko (foto superior) e que el sempre considerou como o seu mellor feito histórico. Imos verter algúns parágrafos da misiva do sociólogo macedán: "Moito do que se ten escrito sobre Francisco Carballo ignora ou non aporta explicación suficiente dun aspecto arredor do cal orientou toda a súa actividade: a súa pertenza á Congregación de San Vicente de Paúl (...). O punto de ruptura coa" tradición" comezou coa dirección do colexio de bacharelato de Barakaldo. Alí enfrontouse  cunha nova realidade, que lle esixía tamén novas respostas. Unha sociedade orixinaria en gran parte da emigración e, nomeadamente, da emigración galega; un sector do clero vasco nacionalista con especial proxección no mundo obreiro. Francisco Carballo desenvolveu no noso tempo a filosofía de Vicente de Paúl: ao servizo dos pobres. Iso requería  non só medidas paliativas, senón cambios estructurais; demándábase un novo modelo de acción para unha nova sociedade, na que a pobreza se manifesta ademais doutro xeito (...). Francisco Carballo foi un buscador, até o último intre, de novos xeitos de proximidade aos problemas das persoas. Custoulle pagar un forte tributo de incomprensión, mesmo daqueles que deberían estar máis próximos ás súas inquedanzas".

(Fonte foto: www.paulesbarakaldo.com. Alumnos á saída do novo centro a comezos dos anos 60 e logotipo do Colexio San Vicente de Paúl. Ikastetxea). Nesta páxina web dos Paúles de Barakaldo penduraron: "O pasado día 29 (de novembro de 2014) faleceu en Santa Marta de Tormes (Salamanca) o P. Francisco Carballo, aos 89 anos. Entre os moitos servizos que prestou na súa ampla vida de misioneiro, debemos lembrar que foi o primeiro Director deste colexio de San Vicente de Paúl de Barakaldo. Dende eiquí unímonos á dor da familia do P. Carballo e aos nosos compañeiros da Provincia Canónica de Salamanca. Descanse en paz para a vida eterna!!!".

Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: