Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

CHAN DO MONTE, MARÍN

Os PP Paúles trasladaron o colexio a Chan do Monte a mediados dos anos 70 do século pasado. Denantes, dende 1926 establecéranse nun edificio no Campo da Feira de Marín, doado por Narciso Nores Salgado. Entre 1954 e 1958, Francisco Carballo exerceu alí como director técnico (tiña 29 anos). Naquela altura o colexio empezou a funcionar como autorizado comezando o seu prestixio educativo. [O documento gráfico volve tiralo Bieito Seara ao comezo desta fase do  2º Roteiro. Alí falaría con fondo afecto Antón Gómez -á esquerda- sobre a dimensión relixiosa do presbítero ilustrado de Maceda].

Iniciei a vida profesional sen máis programa que a dispoñibilidade para os intereses dos PP. Paúles. Creo que por pura razón de carencia de títulos universitarios, fun enviado durante once anos a dous centros de ensino medio (Marín e Barakaldo). Só dous paúles tiñamos titulación civil en todo o Estado español en 1954, o Padre Gutiérrez máis eu. En Marín as condicións escolares eran febles, o ambiente bo e o horario soportábel. Impartía clases tamén en Praceres e na Inmaculada en Pontevedra para compartir titulacións (...). No Morrazo xa se falaba de renovación do galeguismo. No noso colexio había algún libro de Galaxia. Perdín a oportunidade de incorporarme á Galiza que empezaba a espertar. Sempre lamentei aceptar o cambio a Barakaldo en 1958. (MEMORIAS / CONVERSAS, ANT, 2002)


Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: