Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

CANDO BENIGNO SE FIXO LEMBRANZA

Escrito por Fcarballo 08-03-2018 en cabodano. Comentarios (0)

No libro de Conversas (ANT, 2002) detivémonos no capítulo “Maceda, os primeiros anos” nalgúns dos fillos sobranceiros que el tivera a ben coñecer. Cando Benigno Álvarez se fixo lembranza (rememorando a Benavides) o 13 de marzo de 1937, Francisco Carballo estaba estudando na preceptoría dos Milagres do Monte Medo. Imos recuperar -desta volta-  un par de parágrafos sobre o veterinario comunista -ao abeiro da data na que foi martirizado-. O presbítero ilustrado de Maceda considerábao como un intelectual que lideraba un  proxecto de cambio e unha utopía de esperanza para os campesiños e os vilegos máis desposuídos:

“(...). Na mentalidade de entón non podo dicir que fose un adiantado. Posteriormente, analizando a Benigno, o programa que traía o Partido Comunista de España (PCE) para os anos trinta, era moi inxenuo e moi transferido dende o mundo soviético. Había no PCE en Galiza unha análise que ten certo interese, de liberación do campesiñado, de liberarse dos foros dunha maneira real, librarse da corrupción, da explotación. Iso véxoo moi positivo. Benigno era veterinario e coñecía moi ben o problema. Agora, nas outras pretensións, coido era moi idealista. Non había un programa realista de transformación nin no Partido Galeguista (PG) nin no PCE. Naquel tempo o único que se podía facer era unha especie de socialdemocracia. O PG co seu cooperativismo e os comunistas coa súa expropiación completa ao estilo soviético...”

Logo comentámoslle que teoricamente o PCE naquela altura recoñecía o dereito de autodeterminación dos pobos e que Benigno fora a vangarda na defensa diso. Francisco Carballo contestounos que “aquel PCE en Galiza estaba moito máis perto que o actual [2002] dun recoñecemento de País. Benigno defendíao publicamente e certo sector do socialismo galego tamén. Concibían unha España federal e non tiñan moito máis programa. O que poderían ter feito [sen o Golpe en xullo do 36 e o que veu despois], estaba por ver. Era unha situación de principios”.

N.B.- A primeira ilustración é a portada do libro da nosa autoría sobre Benigno que tivo a ben editar ANT en 2008 e que lle gorentou moito a Francisco Carballo. A segunda pertence a unha entidade bancaria ubicada na praza que leva o seu nome dende 1997 en Maceda e a terceira é do díptico da homenaxe que lle tributamos o sábado, 15 de marzo daquel 1997, na súa vila natal [na que participou Francisco Carballo] e que quedou xa como data histórica na vindicación e recoñecemento do veterinario e líder comunista, que loitou por un mundo mellor en clave nosa. Mesmo pagou un prezo altísimo el e a boa parte da súa familia (Prol: 2008).

ARREDOR DOS 130 ANOS DE OTERO PEDRAYO

Escrito por Fcarballo 02-03-2018 en cabodano. Comentarios (0)

Co gallo dos 130 anos do nacemento de don Ramón Otero Pedrayo [5/III/1888] imos exhumar o que Francisco Carballo pensaba sobre o Patriarca das Letras Galegas nas Conversas (ANT, 2002), ao que, por certo, coñeceu e tratou persoalmente varias veces: “Otero axiña entra nas Irmandades da Fala, desde o sector ourensán, que é esencialmente conservador. É un home dunha grande bondade e capacidade cultural, que despois de 1936 e a grande represión posterior, convértese no símbolo, no patriarca, reina pero non goberna. É firme nas súas conviccións, honesto e unha figura adorábel e simbólica. A súa humanidade é grandiosa, un petrucio accesíbel a todos. Era un símbolo utilizado polos que querían presentalo como figura do que debía ser o galeguismo. O poder de convocatoria que acumulou podemos aprecialo cando un bispo como Temiño tivo que oficiar en galego os seus funerais en 1976 en Ourense [finou o 10 de abril na súa casa da Rúa da Paz e os funerais -con asistencia masiva de xente de ben- foron dous días despois no cemiterio de San Francisco].

  

As ideas relixiosas de Otero non eran as mesmas que as de Risco. Otero era un cristián aperturista, vese no seu Arredor de si,  ao estilo do Cardeal Quiroga Palacios. El nunca formula un nacionalismo con dous mundos que se enfrontan: un cristián e outro satánico. Presenta un nacionalismo culturalista, antropolóxico, moi distante de Vicente Risco. Lévanse ben e cultivan a amizade, que era algo típico das Irmandades da Fala, propio da fidalguía e tamén da burguesía ourensá (...).

No exilio arxentino edítase a primeira Historia de Galiza no 1962 baixo a rúbrica de Otero Pedrayo, pero non pasou dos dous tomos primeiros. Pretendía recoller todo o legado do Seminario de Estudos Galegos (...). Otero fixera Filosofía e Letras e adicárase especialmente á Xeografía. Sabía rexistrar os arquivos, dominaba parte das técnicas. As técnicas de investigación histórica que se deron a partir da Escola dos Annales e das escolas europeas actuais, sobre todo a Historia Analítica, non a dominaban. Tampouco o facían no resto do Estado, na súa época, os historiadores".

N.B.- As fotos collémolas da Fundación Otero Pedrayo e de Galiciaenteira.com. Na primeira aparece don Ramón Otero Pedrayo con Xosé María Álvarez Blázquez, Ramón Piñeiro, Álvaro Cunqueiro, García-Sabell, Ánxel Fole e Francisco Fernández del Riego en 1960. Na segunda aparece parte do exterior do Pazo de Trasalba onde se conserva a súa biblioteca. Na terceira don Ramón -coa súa acesa oratoria- nunha conferencia e na cuarta  un retrato de estudio, cando aínda era novo.

ROSALÍA, O DISCURSO POÉTICO DA NACIÓN

Escrito por Fcarballo 25-02-2018 en cabodano. Comentarios (0)

Do capítulo “O nacionalismo, a conciencia de País” (Conversas, ANT, 2002), mesmo falando da vindicación da lingua, bandeira que levaba  Murguía, pero que non se plasmaba na súa obra, Francisco Carballo contestounos: “(...) Só lentamente nos fenómenos nacionalistas de toda Europa se dá a preparación para utilizar a lingua popular [por escrito]. Rosalía escribe dentro dese movemento de recuperación, pero atópase con que non hai unha base social que a lea e se sume a ela. Atácaa a morte con desprezos e insultos a clase culta de España, poucos a defenden na Galiza e o pobo polo que ela loita, non participa.

Os seminaristas de Lugo acantazaron a casa de Rosalía por un artigo seu sobre as relacións sexuais na beiramar. O clero e a fidalguía foron maioritariamente carlistas. O pobo non, nin a burguesía. Os bispos e parte do clero rexeitaban o provincialismo e o rexionalismo progresista no que estaban Rosalía e Murguía. Alfredo Brañas tivo un certo apoio clerical. A Rosalía supúxolle sufrimento, pero deunos o discurso poético da nación. A súa situación é dificilísima e, cando deixa de escribir en galego, vai seguir a mesma loita, disfrazada. O que lea En las orillas del Sar  [1884] vai ver a mesma reivindicación nacionalista, pero dirixíndose ao grupo que a insulta. Non renuncia a nada, cambia de estratexia. Rosalía non abandonou loita ningunha, senón que deixou a loita política a prol do galego que tiña cun sector da poboación española, porque nun momento de desesperación viu que non o podía combater acaidamente. Era un vieiro choído: o pobo non le porque non está escolarizado e cando o está, non é en galego. Combátena os que desprezan o galego”.


N.B.- Cada 24 de febreiro [aniversario do nacemento de Rosalía en 1837], no Noso País agroma un sentimento de vindicación e identificación cunha muller que foi vangarda e pioneira de moitas causas. Eis a nosa contribución dende a Asociación Amigos de Francisco Carballo. Longa vida a tan loábel iniciativa da AELG, que está indo a máis, mesmo implicando a moitos colectivos de Galiza. No Estado fixeron algúns xestos de tipo iconográfico hai xa tempo: selos de 6 pesetas, billetes de 500 pesetas..., mais non entraron na cerna que amenta o presbítero ilustrado de Maceda. 


PACEM IN TERRIS

Escrito por Fcarballo 24-02-2018 en papas. Comentarios (0)

No libro de Conversas (ANT, 2002), nas páxinas 84-88, preguntámoslle polos papas da súa vida, aos que nos achegaremos en datas próximas. Hoxe imos deternos -mesmo por mor do potencial incremento dunha hipotética conflagración nuclear a escala global-  na encíclica Pacem in Terris, a máis salientábel da Igrexa católica dende 1800, en verbas súas. No número 1.090 do semanario ANT (24/04/2003), Francisco Carballo inseriu unha lúcida columna que resiste moi ben o paso do tempo: 

 

“O 11 de abril de 1963, firmaba Xoán XXIII a súa carta encíclica Pacem in Terris, o documento papal máis importante da época contemporánea. Documento luminoso que serviu de base á constitución Gaudium et Spes do Vaticano II e que hoxe seguimos a ollar con ledicia. ¿Por que o máis importante? Porque centra na paz o eixo da sociedade. A paz mundial é imprescindíbel para o desenvolvemento humano e para a liberación dos maltratados. Segue a dicir Xoán XXIII: “Na nosa época, que se gloria de posuír a enerxía atómica, é absurdo defender que a guerra sexa apta para resarcirse de dereitos violados”. Porque afirma como fundamento da sociedade á persoa, cos seus dereitos e deberes: “Todo home é persoa, isto é, natureza dotada de intelixencia e libre albedrío. Polo tanto o home ten por si mesmo dereitos e deberes, que dimanan inmediatamente e ao mesmo tempo da súa propia natureza. Son universais e inviolábeis”.

Engade as características máis significativas do mundo actual: as reivindicacións económicas e políticas dos traballadores; a presenza da muller na vida pública e a emancipación dos pobos: “Non hai comunidade nacional que queira estar baixo o dominio doutra”. A Pacem in Terris distingue entre o erro e quen o profesa, entre as ideoloxías e as correntes históricas: “Porque unha doutrina, cando ten sido elaborada e definida, xa non cambia. Ao contrario, as correntes de carácter económico e social, cultural ou político, aínda que teñan orixe en tales teorías, ao desenvolverse no medio de condicións mudábeis, están suxeitas por forza a unha continua mudanza”. Compre logo estar atentos aos “signos dos tempos”. Saber ollar os horizontes, as aspiracións humanas. Xoán XXIII, na Pacem in Terris, reivindicou para os católicos os avances da conciencia universal v.g. a declaración dos dereitos do home e cidadán da Revolución Francesa [liberdade, igualdade e fraternidade], só vista negativamente polo integrismo. É unha carta encíclica que Xoán XXIII emitiu para todos os humanos, para un mundo en guerra fría, nun xeo a disolver coa quentura da paz”. 

N.B.- Ademais dunha portada de Pacem in Terris, quixemos inserir intencionadamente imaxes de Xoán XXIII con Quiroga Palacios, o Cardeal de Galicia, que tivera a ben nacer en Maceda no ano 1900. Aos dous coñeceunos e tratounos Francisco Carballo.

ANAGNÓRISE / MARÍA VICTORIA MORENO (2)

Escrito por Fcarballo 26-01-2018 en columnas. Comentarios (0)

(...) Anagnórise utiliza unha viaxe a partir de Vilalonga (Sanxenxo) como escenario do diálogo do rapaz coa chofer descoñecida. Cun galego á vez común e gramaticalmente correcto, a escritora conecta a paideia grega de Platón co fondo musical de David Bowie: “I laughed and shook hands, and made my way back home. I searched for form and land, for years, and years! Roamed. I gazed a gazley star at all millions here. We must have died alone, a long time ago” (1).

“Comecei a cantaruxar a letra, tamén polo baixiño, e houbo un momento no que tiven a impresión de que o noso teimoso enfrontamento rematara definitivamente”. “Estábase ben no coche e ela e máis eu eramos dous amigos e camiñabamos cara a despedida ao longo dun solpor de ouro e violeta”. Esta odisea libera do desespero ao rapaz e acompáñao na autoafirmación e na capacidade crítica do seu ambiente; logra o que di a autora: “as persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos”. Libro útil, cheo de engado para os mestres de ética na súa tarefa de desvelar valores e así deixar o impositivo empeño de aturdirnos con textos de filósofos á deriva".

N.B.-  (1) A estrofa pertence ao tema de Bowie “The man who sold the world": “Rin e dinlle a man.O que fixen foi voltar ao fogar. Busquei en terra allea durante anos e anos. Deambulei. Ollei e ollei fixamente millóns de estrelas. Nós debemos ter falecido sós fai moito tempo”.

Ver vídeo