Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

OITOCENTOS OITENTA E TRES / CO GALLO DO 4º CABODANO

Escrito por Fcarballo 28-11-2018 en cabodano. Comentarios (0)

Oitocentos oitenta e tres. Ese é o número de libros de Francisco Carballo que tiveron a ben pasarlle á Biblioteca Pública de Maceda [ten un fondo de máis de 13.000 volumes] que mesmo leva o nome do presbítero ilustrado de Celeirón de Asadur. Engadiríamos os ensaios escritos por el, o libro de Conversas e algunhas das obras colectivas nas que colaborou. Un bo feixe destes doámolos nós por duplicado ou triplicado algunhas das veces que nos achegamos até a biblioteca. Francisco Carballo tiña moitos máis libros. Todo o catálogo imprentado pola editora d´A Nosa Terra -da que el posuía exemplares- incrementaría bastante ese 883. Ademais facía periodicamente no semanario ANT e noutras revistas recensións de libros que lle pasaba moita xente...

No cuarto aniversario do seu pasamento [finou en Salamanca o 29 de novembro de 2014] queremos lembrar -intencionadamente- o catalogado na nosa biblioteca e que amabelmente nos cuantifica a bibliotecaria Avelina Losada López, que sempre atende as nosas peticións e arelas con enorme sensibilidade por todo o que ten que ver coa cultura. Eis a relación: 327 de relixión, cursos e revistas; 30 biografías; 134 novelas, teatro e poesía; 86 de ciencias e política; 100 de lingua e literatura e 206 de xeografía e historia... Seguiremos traballando para vindicar e dignificar o seu legado e para que se lle recoñezan os servizos prestados a Maceda e ao Noso País. Que lle sexa leve a terra. Beizón!

N-B.- A primeira imaxe amosa o espazo que o Concello de Maceda, da man do alcalde Xabier Oviedo e o seu equipo de goberno tiveron a ben habilitarlle a Francisco Carballo na biblioteca que leva o seu nome, iniciativa esta que fora votada por unanimidade en pleno na xeira de Bieito Seara e logo executada na do alcalde Manuel Rodríguez Carballo. O lema que puxeron no espazo dedicado a el defíneo á perfección: "UNHA VIDA DE AMOR E REBELDÍA POR UN POBO". A segunda amosa parte dos cartaces enmarcados, entrevistas, achegas da bitácora... sobre a súa figura e que penduramos periodicamente a carón dos seus libros. A terceira é da entrada da biblioteca e que tiramos hai uns días -xunto coas outras- na procura infructuosa de documentación sobre outro tema vencellado co noso.

Xan Carballa mesmo pendurou en www.anosaterra.com unha oportuna achega hoxe, co gallo do 4º aniversario do pasamento de Francisco Carballo. Invitamos a quen nos siga nesta bitácora, teña a ben ir ao enlace. Fala do que estamos a facer, insire o fermoso documental que artellara para a primeira homenaxe póstuma e pendura as últimas entrevistas que Xan lle fixera ao presbítero ilustrado de Maceda:

https://anosaterra.com/catro-anos-sen-francisco-carballo/


ALBA DE GLORIA DE CASTELAO, NO 70 ANIVERSARIO

Escrito por Fcarballo 09-11-2018 en cabodano. Comentarios (0)

Ao abeiro do 25 de Xullo de 2008, no 60 aniversario do memorábel discurso que Afonso Daniel Rodríguez Castelao pronunciou no Teatro Arxentino de Bos Aires, co gallo do Día de Galiza de 1948, a Consellería de Cultura e Deporte, naquela altura en mans do BNG no Goberno Bipartito [2005-2009], publicou unha edición non venal do Alba de Groria. Conseguimos varios exemplares eiquí en Compostela e remesámoslle un a Francisco Carballo ao Colexio San Narciso en Marín. Logo xa na Quintana, no mitin central do nacionalismo daquel ano, díxonos que esa era unha das versións que Castelao fora reelaborando nos últimos anos, que había lixeiros matices con outras; mesmo que o parágrafo dedicado a Alexandre Bóveda [“un dos derradeiros mártires que repousan nos cemiterios de Galiza en número incontable”], non estaba incluído en versións anteriores.

Dez anos despois, no 70 aniversario, o Consello da Cultura Galega recupera esa maxistral peza de oratoria como realidade virtual, con recreacións sonoras da época [coa propia voz de Castelao na única gravación que conservamos del], con contextualización, documentos orixinais e fasquías sobre a xestación e variacións deste texto capital para a memoria de Nós. A exposición -comisariada por Manuel Gago- está, dende hai un par de días, na igrexa de San Domingos de Bonaval, a carón do Panteón de Galegos Ilustres, onde tamén repousa Castelao, abeirado ao Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela.

Na procesión desta Santa Compaña de Inmortais aparecen nomeados -nesta versión última- 72 persoeiros galegos. Ao remate da visita pódese votar para engadir nomes a esa xa mítica procesión [agasállannos cun exemplar que desta volta leva un introito de Miguel Anxo Seixas, que mesmo vén de publicar unha extraordinaria tese doutoral sobre Castelao]. Folga dicir que nós engadimos os nomes do mariño João da Nova, xa que logo Castelao incluíu ao navegante Sarmiento de Gamboa e aos irmáns Nodal. Outrosí puxemos o nome de Benigno Álvarez, para que acompañe a Alexandre Bóveda nese parágrafo engadido, que mesmo fende o discurso xeral, e que el inclúe na Tradición. Dende a AAFC alentamos a quen nos siga, se achegue a Bonaval para ollar esta experiencia sentimental, sala de verbas, labirinto de persoeiros e fábrica de mitos galegos. Até o 3 de febreiro do 2019. Beizón!

N.B.- A primeira imáxe tirámola do frontal da igrexa de Bonaval [aclarar que Castelao titulouno orixinalmente "Alba de Groria"]. A segunda é do comezo da proxección de imaxes co discurso. A terceira é do cartaz co que agasallan aos visitantes e que serve para identificar aos 72 persoeiros citados na peza oratoria e que aparecen logo no labirinto. A cuarta vai dedicada a Bóveda e na última, xa que estabamos en Bonaval, podemos ollar o sartego de Castelao no Panteón de Galegos Ilustres e que tanta polémica tivera co traslado dos seus restos dende o Cemiterio da Chacarita bonaerense en 1984.

Desta volta suxerimos varias ligazóns. A primeira cun fermoso vídeo sobre o primeiro parágrafo deste discurso:

https://www.youtube.com/watch?v=O7cUMtFriVQ

A voz de Castelao na "fonopostal" remesada dende Montevideo:
https://www.youtube.com/watch?v=Kob7jw_m08k

O "Alba de Gloria" completo, lido dende o alto do Pico Sacro:
https://www.youtube.com/watch?v=txr8fFlVoF0

Para rematar, as imaxes da polémica chegada dos restos de Castelao a Bonaval o 28 de xuño de 1984, coa voz da xornalista Tareixa Navaza que xa quedará para a historia do Noso País. Vai en dúas ligazóns. A primeira, un vídeo ensaio para o congreso "El cine y la televisión en la España de la Post -Transición (1979-1992" organizado pola Universidade Carlos III. No outro enlace aparecen as imaxes e os rexos comentarios da Navaza nunha síntese do que foi aquela extraordinaria data:
https://www.youtube.com/watch?v=_mLgGWRC6pE

https://www.youtube.com/watch?v=tnI3b2h3M7U


4º ROTEIRO / VILA DE MACEDA (e 6)

Escrito por Fcarballo 05-11-2018 en roteiros. Comentarios (0)

Rematamos o 4º Roteiro cunha comida de irmandade na que participaron case a metade das persoas que tiveron a ben acompañarnos nesta xornada de lembranza e vindicación a prol do fillo sobranceiro de Maceda. Desta volta decantámonos por un “toldo” da feira de Maceda, mesmo rememorando as feiras do 4 e 20 que deixaran forte pegada en Francisco Carballo dende neno, cando se desprazaba -a cabalo- dende Celeirón de Asadur -o seu lugar- até a "súa vila" que, naquela altura, era un referente comercial e vital da provincia de Ourense, con feiras nas que se comercializaba con gando bovino, caprino, porcino, cabalar... Outrosí con todo o que unha feira de moito nivel tiña na primeira metade do século XX. Arredor dun “pulpo” á feira, carne ao caldeiro e bica da contorna, departimos até ben entrada a tarde, mesmo convocándonos en Pontevedra cidade para o 5º Roteiro na primavera de 2019.

Salientar que neste 4º Roteiro OS LUGARES DE FRANCISCO CARBALLO, os medios de comunicación escritos e dixitais cubriron a nova con xenerosidade e sensibilidade. Tanto La Voz de Galicia, como La Región, Faro de Vigo, Sermos Galiza e AELG fixeron un seguimento que debemos subliñar. En La Voz de Galicia, edición Ourense, apareceu o día anterior ao roteiro unha entrevista con Santiago Prol, o mantedor desta bitácora, que titularon axeitadamente "A Galicia oficial ignorou a Francisco Carballo": https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/maceda/2018/10/19/span-langgl-galicia-oficial-ignorou-francisco-carballospan/0003_201810O19C11998.htm

Outrosí o xornal dixital SERMOS GALIZA fixo o propio ao día seguinte con outro titular moi aqueloutrado: "Rachar a débeda con Francisco Carballo": https://www.sermosgaliza.gal/articulo/memoria/rachar-debeda-francisco-carballo/20181021133007073019.html

O xornal La Región: http://www.laregion.es/content/print/ruta-recordo-vida-obra-francisco-carballo/20181021093319830843

O Faro de Vigo, edición Ourense: https://www.farodevigo.es/portada-ourense/2018/10/19/roteiro-lugares-francisco-carballo-centra/1982350.html

Na web da Asociación de Escritores en Lingua Galega: 

http://axendacultural.aelg.gal/2018/10/18/maceda-roteiro-cultural-pola-vila-os-lugares-de-francisco-carballo/

http://axendacultural.aelg.gal/tag/santiago-prol/

¡Beizón a todos os medios citados, longa vida á AAFC e, por ende, á memoria do fillo sobranceiro de Maceda!

N.B.- Escollemos estas tres imaxes da comida de confraternidade que fixemos no 4º Roteiro OS LUGARES DE FRANCISCO CARBALLO, nun "toldo da feira" de Maceda. Debaixo desta nota o recorte de prensa coa entrevista que nos fixo o xornal La Voz de Galicia o día anterior, do que tamén inserimos enlace máis arriba.

Quedaría agradecer expresamente aos amigos de MACEDA NA REDE que tivesen a ben pendurar o salientábel vídeo-entrevista coa xornalista Tareixa Navaza en TVE-2, da que abeiramos as 150 visitas. Graciñas mil. Eis outra volta o enlace para a xente interesada:

 https://www.youtube.com/watch?v=xfP-pZiKAj8

4º ROTEIRO / VILA DE MACEDA (5)

Escrito por Fcarballo 04-11-2018 en roteiros. Comentarios (0)

Interviron logo os dous teólogos. Comezou Antón Gómez aclarando que, aínda que fora cura, non se consideraba teólogo. Salientou unha frase de Carballo tirada da súa “Autobiografía” que ía no díptico deste 4º Roteiro: “Toda a miña actividade podo dicir que está sempre arredor da historia, da reflexión teolóxica e do vivir dun galego crente”. Antón coñeceu a Carballo como reitor do teologado de Salamanca, onde estudaban uns 200 alumnos, algúns moi críticos. Carballo quixo que visen mundo denantes de tomar unha decisión sobre a súa vocación. Logo falou do proxecto de Vigo dende 1973, da Igrexa de base e dun modesto piso con Carballo, con Isidro López Casqueiro e con el mesmo. Comentou que tivo problemas para traballar en certas empresas: “curas, xitanos e negros non eran ben vistos naquela altura”. Outrosí do que era a teoloxía para Carballo que estaba en constante diálogo coa historia. As homilías de Carballo eran curtas e sempre dicían algo [moi na liña do Vaticano II]. Rematou contundente: “un cristián verdadeiro só pode ser de esquerdas”.

Manuel Peleteiro fixo un breve percorrido pola traxectoria de Carballo. Mandárano á fronte do teologado de Salamanca que estaba en conflito, polo seu bo facer en Barakaldo e pola sona de bo xestor. En Salamanca Carballo comezou a súa verdadeira transformación [inculturación]. Sempre se preguntaba ¿que faría Xesús se estivese eiquí? Contou Peleteiro que el se ordenara como sacerdote en 1968 e que quería dicir unha misa en galego nos Milagres. O bispo de Ourense, o integrista Temiño Sainz, non llo permitía. Chegoulle ao bispo unha carta de Carballo [naquela altura nun dos postos máximos da xerarquía dos PP Paúles] pra que accedese ao que  o Peleteiro e outros cregos novos arelaban: oficiar en galego. "Temiño e Carballo sempre se levaron mal". Logo, xa na xeira de Vigo dende 1973, o bispo Delicado Baeza déralles unha parroquia en Santa Cristina de Lavadores. Carballo falaba, colaboraba e estaba coa xente na rúa. Logo veu a súa entrada na Cultural, na UTEG, na política: “O seu obxectivo era o pobo galego: o que non sabe a súa propia historia non pode transformar nada”. En Vigo estivo até 1985. O padre Serafín García [orixinario de Almoite, Baños de Molgas] era o seu amigo e compañeiro de piso. Morrera de cancro naquela altura. Carballo sentiuse só e decidiu que remataba unha etapa transcendental da súa vida en Vigo [12 anos intensos “na fronteira do eclesial e no corazón do debate social”]: “Comezou a noite escura e foi cara Marín. Alí non era ben considerado entre a comunidade dos Paúles. Marín, máis que vaticana, era tridentina. Dende aquela fixo unha vida paralela...”  

N.B.- Na primeira imaxe podemos ver a Antón Gómez durante a súa contundende intervención a prol da memoria de Francisco Carballo. Na segunda aparece Manuel Peleteiro con parte da xente de ben que atendía o seu parlamento con moita atención. Intencionadamente escollemos como terceira imaxe unha na que aparecen os dous teólogos, que sempre tiveron a Francisco Carballo como referente nas súas vidas. Debaixo desta nota aparece a imaxe e o pé de foto do xornal La Voz de Galicia ao día seguinte, que tamén tivo a ben cubrir este 4º Roteiro con enorme sensibilidade e interese. Mesmo nos fixeron unha entrevista o día anterior da que falaremos na seguinte achega. Beizón!


4º ROTEIRO / VILA DE MACEDA (4)

Escrito por Fcarballo 03-11-2018 en roteiros. Comentarios (0)

Presentamos logo a bitácora, que nesta altura leva, con dous anos de vida, máis de 170 achegas, cunha media de 7 por mes. Interveu primeiro Xabier Oviedo, informático e ex alcalde de Maceda que mantivo -durante os oito anos que estivo á fronte do Concello de Maceda- unha relación moi próxima con Francisco Carballo: presentacións de libros, conferencias, exposicións... Xa temos comentado que mesmo lle fixemos unha visita en Salamanca co alcalde Xabier Oviedo á fronte. Acompañámolo Bieito Seara, Celso Sánchez e Santiago Prol. O presbítero ilustrado de Maceda xa estaba moi afectado pola enfermidade que o consumía. Xabier Oviedo falou tamén do espazo que ten Francisco Carballo na biblioteca que leva o seu nome, co que pretendemos vindicar o seu legado e que foi artellado na súa segunda lexislatura. De feito levoulle fotos a Salamanca a Carballo para que puidese facerse unha composición de lugar.

Presentamos nós a bitácora www.fcarballo.blogspot.es cuxa cabeceira fora deseñada polo propio Xabier Oviedo. Unha foto do Castelo de Maceda (vencello coa historia) cun carballo (vencello co seu apelido) e a consigna “Bo e Xeneroso”, que focalizan axeitadamente a mensaxe que pretendemos. A bitácora é a mellor ferramenta da que dispomos como asociación para manter acesa a chama do que foi e do que significou Francisco Carballo para nós e para o Noso País. Detrás do pseudónimo Fcarballo está o mantedor desta bitácora, que mesmo ten un dobre enlace na web da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) nas entradas dos socios Prol, Santiago  [http://www.aelg.gal/centro-documentacion/autores-as/santiago-prol] e Carballo, Francisco [http://www.aelg.gal/centro-documentacion/autores-as/francisco-carballo]. Lembremos outra volta que o propio Francisco Carballo empregou nos tempos duros e, segundo considerase, dous pseudónimos en traballos e colaboracións xornalísticas. Asinou como Daniel do Souto (en clara alusión aos seus ancestros e lugar de orixe) e tamén como Paulo de Armenteira (outrosí como alusión ao Papa que lle deu continuidade ao Vaticano II e a un mosteiro galego a onde el ía de cando en vez para pensar e traballar). Longa vida pois á AAFC e á bitácora! De nós vai depender que a xente de ben que nos sigue, non claudique. Beizón! 

N.B.- Na primeira imaxe podemos ollar a Xabier Oviedo na súa intervención. Na segunda e terceira imaxes, a parte da xente de ben que quixo acompañarnos para manter viva a memoria do fillo sobranceiro de Maceda. Debaixo desta nota o consello do xornal La Región como acto central daquel día en Ourense. Beizón!